Hai historias que se escriben con suor, esforzo e, sobre todo, cun amor incondicional. A miña historia con Nepal, o meu compañeiro, é unha desas. Durante dez anos, Nepal non só foi a miña sombra, foi o meu motor e o meu compañeiro de baile nas competicións de canicross. Xuntos, vivimos unha década incrible que agora chegou ao seu final, a nivel competitivo, porque xa ten dez anos, a idade de xubilación dos cans que o mushing ten establecida.
Xuntos conseguimos metas que parecían imposibles: temos cinco Campionatos de España, varias pratas e bronces, numerosas copas de España, Campionatos Galegos, Ligas Galegas e ata medallas internacionais que nos encheron de orgullo.
Lembrarei sempre con especial emoción o noso último ano, cando con 9 anos, e eu con 49, conseguimos o bronce no Campionato Internacional ICF en Bardonecchia, Italia. Os dous, os máis veteranos da categoría, demostramos que a idade non é un límite cando a paixón e o coidado van da man.

O segredo do noso éxito: Máis que adestrar
Seguro que te preguntas cal era o noso segredo para manter ese nivel durante tantos anos. A resposta non é máis ca un conxunto de boas prácticas que son o piar da nosa filosofía de vida e do noso traballo. Un can de competición é un atleta de élite, e como tal, necesita un coidado integral que vai moito máis alá do simple adestramento.
É inevitable que un can senior teña certas alteracións morfolóxicas e fisiolóxicas, perda de densidade ósea, disformismos en articulacións, osteofitos, perda de volume, perda de forza e perda de potencia muscular, … provocando alteracións de mobilidade, por limitación ou por dor.
A nosa responsabilidade é darlles a mellor calidade de vida posible para que todas esas perdas se poidan frear e a mellor forma é coa combinación de exercicio físico respectuoso, boa alimentación e terapias manuais.
O Vínculo, a base de todo: non é posible acadar nada sen unha conexión profunda co teu can. O vínculo con Nepal é o noso maior premio. Corremos como un só, entendémonos sen palabras. Esta confianza mutua foi a nosa forza en cada quilómetro e a razón pola que el sempre me deu o mellor de si.
A Alimentación, o noso combustible: sen descartar un bo pienso para certos momentos, Nepal alimentouse con dieta natural. Isto non é un capricho, é a mellor forma de asegurar que o seu corpo reciba os nutrientes que necesita para o seu rendemento e recuperación. Para un can deportista, a calidade da alimentación é fundamental para previr lesións, manter a enerxía e asegurar unha vida longa e saudable.
Fisioterapia e Osteopatía, o mantemento do atleta: manter a Nepal en óptimas condicións durante unha década non sería posible sen os tratamentos de fisioterapia e osteopatía. As sesións periódicas axudárono a previr lesións, a recuperar os músculos despois de cada carreira e a manter a súa estrutura ósea e articular en perfecto estado. Son a medicina preventiva que todo atleta, humano ou canino, debería ter.
O adestramento, un traballo consciente: o noso adestramento diario non consistía só en correr. Buscábamos sempre a eficiencia e o benestar. Un bo quecemento antes de cada sesión, e unha volta a calma posterior, son tan importante como a carreira en si
Agora Nepal xa está xubilado a nivel competitivo aínda que segue adestrando e é a miña man dereita no adestramento do resto da manada, aos que el aínda ten moitísimo que ensinar.
A nosa historia ensinoume que a medicina holística, a conexión e o amor son a mellor fórmula para a felicidade e a saúde a longo prazo.


